Paula Ojea Fernández-Colmeiro

Coñece a Paula Ojea, Enxeñeira Civil que crea cerámica singular con alma de enxeñaría. Primeiros anos e formación Naceu en Nigrán. Dende moi pequena, gustoulle a arte da cerámica e comenzou a asistir a un taller municipal de cerámica. Co paso do tempo desenvolveu un amor pola física, a xeometría, e como ela di, por observar o mar, as ondas, os barcos pesqueiros e as grúas do porto. Estudou Enxeñaría Civil na Escola Técnica Superior da Universidade da Coruña entre o 2001 e 2006. No curso 2004-2005 cursou un Erasmus na Ecole National des Ponts et Chaussées en París. Vida profesional Traballou como enxeñeira de estruturas nas cidades de Nova York, especializándose no deseño de estruturas singulares. Despois trasladouse a Barcelona para traballar nun estudio de enxeñería, e alí aluguou un espazo nun taller de cerámica no que coñeceu a profesionais da cerámica. No 2015 volve a Galicia para fundar en Vigo OJEA STUDIO, un traballo no que combina as súas dúas paixóns, a enxeñaría e a cerámica. O taller xorde como proxecto de aportar algo novidoso á cerámica a través da visión cartesiana de enxeñeira. Para o desenvolvemento da súa obra, Paula segue un camiño similar ao da enxeñería, con aportacións tecnolóxicas a pezas artesanais, definindo o seu traballo como unha combinación de precisión e singularidade, de exactitude e irregularidade. Logros e proxectos Premio Extraordinario de Bacharelato 2001. Premio Extraordinario Final de Carreira, 2006-2007. Mención Premio Nacional Fin de Carrera de Educación Universitaria 2007. Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2007. Premio Puentes 2007, ao mellor proxecto fin de carreira polo traballo "Pasarela peatonal sobre o río Miño na Ramallosa (Nigŕan)". Premio Nacional de Artesanía Do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, na categoría "Producto", pola súa colección Cut & Fold no 2019. Entrevista -Cando sentiches interese pola Tecnoloxía? -Dende moi cativa tiven moito interese pola creación artística. Aos 5 anos empecei a facer cerámica na escola municipal de Nigrán; pero foi algo que sempre pensei que quedaría no ámbito persoal, non no académico ou profesional. A nivel académico, sempre me gustaron moito as materias de ciencias, sobre todo as máis técnicas. Física, Matemáticas, Debuxo Técnico. Eran materias que percibía como retos, coma se fosen adiviñas a resolver. Nos anos de instituto (BUP e COU, o que hoxe sería 3º e 4º da ESO e Bacharelato) tiven moi bos profesores en Física, Química e Matemáticas, que contribuíron moito á miña motivación nesas materias, e foi cando decidín que quería estudar unha carreira universitaria de enxeñaría. Escollín Enxeñaría de Camiños porque me interesaba as materias que cubría, porque foi a que percibín naquel momento como un reto maior, e porque implicaba vivir noutra cidade. -Que foi o que máis te animou para adicarte á túa profesión? -Enxeñeira: Traballei como enxeñeira de camiños durante 7 anos en NY e Barcelona. Optei por traballos de deseño estrutural porque a alternativa coa miña formación era traballar en obras, e as condicións son duras. Para min, sempre foi unha prioridade a vida persoal, e traballar en obras en proxectos que duran meses, ou un par de anos, en localizacións afastadas (tramos de AVE, tramos de autopistas…) e cambiar de destino, non me parecía unha opción atractiva a nivel persoal. De feito, o meu primeiro traballo foi nunha oficina de deseño de estruturas singulares en NY, e o escollín porque a nivel experiencia vital quería vivir nunha gran cidade de fala inglesa. Ceramista: A día de hoxe a miña profesión é a cerámica. Son deseñadora, artista, artesá... O que máis me animou a optar por esta profesión foi a posibilidade de vivir do que máis me gusta facer. Ademais, percibín que coa miña formación, experiencia e visión como enxeñeira, podía facer creacións en cerámica verdadeiramente únicas. -Que persoas foron ou son referentes para ti? -A miña mestra en Cerámica na escola municipal de Nigrán, Emilia Guimeráns, é o meu referente princial. Tamén os ceramistas Miguel Vázquez e Elena Colmeiro. -Como muller, atopaches algunha complicación ou traba nos estudos, na busca de emprego ou no mundo laboral? -A nivel académico non tiven dificultades, fun merecedora do Premio Extraordinario de Bacharelato e o Premio Extraordinario de Fin de Estudos Universitarios. Pero durante a etapa universitaria, un día descubrín que un grupo de alumnos escribía cousas desagradables sobre a miña vida privada e o meu físico nun foro público en internet. Cando o descubrín, denuncieino ao Decano e pechou o foro. Creo que daquela algúns homes non estaban dispostos a aceptar que unha muller destacase máis que eles en disciplinas tradicionalmente “de homes”. A nivel laboral, o mundo das obras de enxeñaría é bastante tradicional. Aínda que eu non tiven ningún problema concreto, sí que notas por parte dos traballadores do sector un trato diferente cara ás mulleres, de tipo “caballeroso”, retirando obstáculos de onde vas pasar por exemplo. Isto fai que sexa incómodo. En xeral, na miña experiencia no mundo laboral, si que se percibe que por ser muller e ser nova, algúns homes, sobre todo os de máis idade, tenden a dar consellos non solicitados e falar con condescendencia. -Como saberás, estamos facendo un traballo de investigación para atopar a mulleres importantes no ámbito das STEAM. A que outra muller das STEAM propoñerías para que fora incluída neste proxecto? -Propoño á miña irmá Elena Ojea, que é investigadora en temas de impacto económico do cambio climático. Podedes ver información sobre o seu traballo na súa web. Propoñoa porque foi a primeira científica galega en conseguir unha bolsa do Consello Europeo de Investigación, é membro do panel internacional sobre cambio climático IPCC e é un referente de muller de éxito para min. Bibliografía
  • Ojea Studio.
  • “Cada vez más gente aprecia lo auténtico, las cosas que cuentan una historia”. Innovaspain. 26-02-2020.
  • "La viguesa Paula Ojea recibe el Premio Producto en los Nacionales de Artesanía". Faro de Vigo. 04-12-2019.
  • "Paula Ojea, ceramista con espíritu de artista y análisis de ingeniera". Atlántico. 26-12-2017.
  • "La ceramista sin vértigo". La Voz de Galicia. 01-02-2020.
  • "¿Es esto una cerámica o una obra de ingeniería?" The New York Style Magazine. 12-11-2018.
  • Enlaces externos
  • Vídeo de explicación do proxecto Cut&Fold.
  • "Paula Ojea empezou na enxeñería e rematou na cerámica". Televisión de Galicia. 01/04/2018.
  • Premios de artesanía-Ministerio de Industria, Comercio y Turismo. 04-12-2019.
  • "Los ingenieros Paula Ojea y Roberto Valcarce ganan los premios que concede el grupo Puentes". La Voz de Galicia. 20-12-2007.
  • Premios da Universidade da Coruña.
  • Palabras clave: arte, enxeñería civil, artesanía, wisibilízalas, muller STEAM